22 de marzo de 2017

COÑECEMOS QUÉ É O DANO CEREBRAL ADQUIRIDO

Ola ola rapaces! Esta semana fixemos unha pequena saída ata a sede de Afundación na praza Maior para visitar unha exposición fotográfica organizada pola Asociación de Dano Cerebral Adquirido Renacer en Ourense. Unha vez alí, aprendemos que cada rexión do cerebro serve para unha cousa: falar, durmir, recordar... Toda esa información se "transmite" a través das conexións neuronais. Pero imaxinádesvos que pasaría se unha neurona se solta da súa compañeira? A conexión neuronal romperíase e poderíamos ter dificultades na fala, na xestión dos sentimentos, no movemento do corpo... É o que coñecemos como dano cerebral adquirido (DCA). Incrible!
Despois de ver fotografías feitas por persoas con dano cerebral, coloreamos o noso propio cerebro.
Xa na aula, lemos a historia "El cazo de Lorenzo" na que un neno con DCA nos explica como conseguiu loitar e seguir adiante a pesar das dificultades coas que se atopa diariamente.
Ademais, vimos a curtametraxe titulada "Cuerdas" na que aprendemos que a amizade non ten límites.
Por último, falamos da importancia de protexer o noso cerebro usando casco cando andamos en bici ou en moto, poñendo o cinturón no coche, baixando as escaleiras de unha en unha e mesmo sentándonos ben nas cadeiras. Todo para que as nosas neuronas sigan a traballar tanto como ata agora!
Animádesvos a saber máis? Pois non deixedes de ver todo o que fixemos!

Ningún comentario:

Publicar un comentario